Page 4 - Lugo 2001-2020. Explotación estatística do padrón
P. 4
Emprego/desemprego
Para medir o desemprego utilízanse basicamente dous métodos:
— A Enquisa de Poboación Activa (EPA) que cada trimestre confecciona o Instituto Nacional de Estatística, e é unha investiga-ción
continua dirixida ás familias, realizada desde 1964. A súa finalidade principal é obter datos da forza de traballo e das súas diversas
categorías (ocupados, parados), así como da poboación allea ao mercado laboral (inactivos). A metodoloxía da enquisa
modificouse no primeiro trimestre de 2005 pola necesidade de adecuarse á realidade demográfica e laboral do noso país, debida
especialmente ao aumento do número de estranxeiros residentes e a incorporación da nova normativa europea seguindo as normas
da Oficina Estatística da Unión Europea (EUROSTAT). (http://www.ine.es)
— O paro rexistrado, que é a cifra de persoas que están inscritas nas oficinas do SEPE (antes INEM). (http://www.sepe.es/)
Adoita haber discrepancias entre as dúas cifras (e na importancia que se lles atribúe a cada unha delas) segundo se analicen dende o punto
de vista do goberno, da oposición, dos sindicatos, ou da percepción social.
Que se incremente o paro rexistrado no SEPE é un indicador moi malo pero a súa diminución non é indefectiblemente algo moi bo, xa que
hai persoas desempregadas que non están rexistradas nas oficinas do SEPE: unhas porque desistiron de buscar un traballo, outras porque
esgotaron a prestación por desemprego ou non teñen dereito a ela porque tiveron traballos moi esporádicos, porque emigraron, … ou por
moitas outras razóns, e non necesariamente por ter obtido un traballo. Por iso normalmente se considera máis fiable a EPA que os datos do
paro rexistrado, pero aquí tamén hai un defecto importante: hai xente que non busca un emprego porque non ten esperanza de atopalo, e esa
xente tamén desaparece da EPA.
Que indicador debemos mirar para coñecer a evolución do emprego en España e en Galicia?
Afiliación á Seguridade Social. Para analizar a evolución do emprego quizais o mellor método é mirar o número de afiliados á Seguridade
Social: averíguase canta xente está traballando en vez de mirar canta xente está en paro. O nivel de afiliación á Seguridade Social é unha
moi boa medida do número de postos de traballo que hai en España. Evidentemente queda fóra a economía mergullada, pero é complicado
contabilizar o que non aparece nas estatísticas, o que está oculto con vocación de permanecer así.
Núcleos ou entidades de poboación
Os núcleos ou entidades de poboación que se citan obtéñense da actualización dos núcleos e entidades de poboación que os Concellos
realizan nos seus municipios e que, en cumprimento da lexislación vixente, comunican ao INE polo menos unha vez ao ano.
A relación de núcleos de poboación contén a relación detallada das entidades e núcleos de poboación existentes a 1 de xaneiro de cada
municipio, e as súas poboacións referidas a esa data.
As poboacións foron calculadas a partir das cifras de poboación provenientes das Revisións anuais dos Padróns municipais, que son
declaradas oficiais polo Goberno a proposta do INE, co informe favorable do Consello de Empadroamento, mediante Real Decreto.
Hai que sinalar que ata o ano 2002, para algúns municipios o INE non dispuxo dos correspondentes ficheiros padroais, polo que para estes
non se puido obter a poboación a nivel inferior ao municipal.